REGATA DO SEPELO

Dende a súa fundación a Asociación de Amigos da Dorna de Portonovo ollaba con envexa para as regatas e concentracións de embarcacións tradicionais organizadas por asociacións afíns noutras vilas de toda Galicia. Foi por iso que no ano 2008 decidimos comezar a traballar para consolidar a celebración dunha regata de dornas en Portonovo, coa intención última de contribuír á recuperación, conservación e difusión do patrimonio mariñeiro tradicional galego. Deste xeito nacía a Regata do Sepelo, unha competición que forma parte da calendario oficial de concentracións de embarcacións tradicionais que cada verán se promove dende a Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial. Trátase dunha regata de dornas a vela, como outras teñen lugar na veciña ría de Arousa, mais única na ría de Pontevedra, coa que ano tras ano, no mes de xuño, conseguimos reunir en Portonovo unhas trinta dornas aparelladas a vela, unha estampa da que dende facía moitas décadas non se podía disfrutar na nosa vila.