No ano 2003 a directiva da asociación decidiu iniciar os trámites administrativos para salvar do desmantelamento a Platuxa, unha lancha de madeira a motor construída en Portonovo en 1976, logrando que a Consellería de Pesca da Xunta de Galicia nos concedese a oportunidade de evitar a súa desaparición.
A intención inicial era reconverter o barco, que ata entón tiña exercido como embarcación de pesca de baixura con base en Portonovo, nunha aula flotante. Así, esta iniciativa, bautizada como “Proxecto Platuxa”, consistía en organizar unha exposición itinerante baseada na difusión e fomento da recuperación dalgúns elementos clave do patrimonio marítimo galego (tipos de embarcacións e artes de pesca, oficios, arquitectura mariñeira, tradicións populares, cultura oral ou incluso ecosistemas costeiros) que foron desaparecendo nas últimas décadas, vítimas dun proceso de perda da identidade cultural tradicional do que a vila de Portonovo é un claro exemplo.
Tratábase dun ambicioso proxecto cultural, pode que demasiado para unha asociación tan modesta como a nosa, que non tardou en atoparse de fronte cunha realidade chea de atrancos administrativos. O caso é que, por unhas e por outras, foron pasando os meses, e despois os anos, e o proxecto non chegou a materializarse. Así, no 2011, oito anos despois de asumir a responsabilidade de ofrecer unha alternativa ao desmantelamento do barco, seguíamos a voltas con permisos, licencias e seguros, e por se non fose suficiente con dificultades económicas para garantir o mantemento preciso para que continuase a flote.
Tras convocar unha asemblea xeral de socios e despois de barallar todas as alternativas posibles, decidimos que a mellor opción para a asociación e para o barco, sempre coa pretensión última de garantir un futuro para ambos, era buscarlle un novo propietario que, como nós fixemos no seu día, se comprometese coa conservación da Platuxa.
Así foi como despois de algúns meses buscando algunha entidade interesada no barco recibimos unha proposta por parte do Concello de O Grove para incluílo como parte da exposición permanente do Centro de Interpretación da Pesca e a Salga de Punta Moreiras. E alí estivo exposto ata o ano 2020, no que foi tristemente desguazado debido a un importante deterioro, derivado do paso do tempo e a falta de mantemento.