A nosa asociación acaba de cumprir 25 anos e atopámonos nun momento no cal queremos dar un paso adiante e para iso precisamos de conseguir un local de traballo onde poder desenrolar (e potenciar) a nosa actividade durante todo o ano.
Lonxe de querer un simple almacén para gardar o valioso material acumulado nestes 25 anos (incluídas as embarcacións), existen tres razóns fundamentais polas cales apostamos decididamente por acadar un local para a nosa asociación e, en xeral, para tódolos veciños:
– Queremos crear un punto de encontro social, no cal todas as persoas con interese pola cultura mariñeira de Portonovo (que non son poucas) poidan reunirse e compartir proxectos.
– Vamos preparar un taller onde poder facer o mantemento (incluídos traballos de restauración) dos nosos barcos e ata a construción de novas embarcacións tradicionais.
– Aspiramos a ofrecer una espazo onde organizar cursos de carpintería, exposicións, charlas/coloquios e visitas guiadas (sobre todo orientadas a escolares do noso concello) para amosar o que facemos.
Con eses propósitos estamos comezando a dar os primeiros pasos do proxecto e confiamos en acadar resultados nos vindeiros meses.