Dende o momento da súa fundación, a finais de 1997, a asociación debecía por contar cun local que funcionase como sede social e pañol para almacenar o diverso material co que traballamos.
Inicialmente o punto de encontro, tanto da Xunta Directiva como de moitos d@s soci@s, era o bar Baiuca, de xeito que naquel momento a carencia dunha sede oficial non supuxo un atranco importante para o crecemento da asociación. Pero co paso dos anos e o aumento da actividade o desexo dun espazo propio converteuse nunha absoluta necesidade. Foi por iso que decidimos redactar un proxecto de recuperación do local da antiga oficina do surtidor de combustible dos barcos, no porto de Portonovo, que levaba décadas abandonado. Así, en 1999 presentamos a primeira solicitude á Confraría de Pescadores, recibindo a negativa por resposta.
Pasados uns anos, no 2004, unha nova Directiva, botando man do optimismo que debe caracterizar a toda asociación, decidiu retomar o proxecto. Por aquel entón redactouse un convenio para alugar o local, que, lembremos, levaba décadas abandonado e nun estado case ruinoso, pero este documento nunca foi asinado pola Confraría.
Lonxe de desistir, dende o ano 2007 as sucesivas Directivas incrementaron os contactos e as xestións, so que agora a través, principalmente, de Portos de Galicia, sospeitando que eles eran os verdadeiros titulares da propiedade do local e non a Confraría de Pescadores de Portonovo. Por desgraza, esta vía administrativa tampouco deu froitos, ou polo menos así foi ata que no ano 2010, grazas á mediación de Culturmar (a Federación Galega Pola Cultura Marítima e Fluvial), conseguimos que o presidente de Portos de Galicia se molestase en ler a nosa proposta e nos escribise solicitando a presentación de variada documentación relativa á asociación e un pequeno proxecto de rehabilitación do local. Así o fixemos pero, aínda dando oportuna satisfacción a tódolos seus requerementos, unha vez máis obtivemos o silencio administrativo como resposta.
Durante anos, o que debería ter sido unha aspiración viable, aínda tendo en conta os trastornos que conleva calquera trámite burocrático, converteuse nun proxecto frustrante. Así que chegado este punto, en xuño do ano 2010, fartos de seguir a liña que marcaba a legalidade e conscientes de que xa foron moitas as oportunidades das que gozaron as autoridades implicadas para facer ben o seu traballo, decidimos levar a cabo a ocupación deste espazo público e en desuso. Dende entón traballamos arreo durante doce meses para limpalo e acondicionalo o mellor que puidemos e gastando o mínimo diñeiro posible, é dicir, a base de moito esforzo voluntario e cunha filosofía baseada na reciclaxe de materiais.
En definitiva, despois máis de dez anos de negociacións infrutuosas con diferentes administracións solicitando unha autorización para facer uso deste espazo, acabamos por ocupalo pacificamente, sanealo e rehabilitalo coas nosas propias mans, grazas ao cal hoxe en día loce como na súa mellor época, e nada menos que cumprindo unha función social como sede desta asociación cultural. E que así sexa por moitos anos!