COIDADOS DA MADEIRA

Pois aquí estamos (non sen tempo) para presentarvos a terceira e última entrega do que foron os traballos de recuperación da dorna Praia da Panadeira.

Lembrarvos que na anterior publicación describimos o proceso ata o momento da finalización dos arranxos de carpintería e que, sendo así, deixamos pendentes as tarefas de tratamento da madeira.

O caso é que coa dorna xa en Portonovo (tras un par de meses no Grove) puxémonos mans á obra, comezando de abaixo cara arriba. Así, no que á obra viva se refire o primeiro paso foi aplicar dúas mans de imprimación. A continuación outras dúas de patente de cor negra (que era a que tíñamos gardada). E para rematar, unha discreta franxa de cor branca por enriba da liña de flotación.

Pero é a partir de aquí onde comeza o interesante, xa que algúns meses atrás tivéramos a oportunidade de entrar en contacto con Barpimo, unha empresa da Rioxa dedicada á fabricación de pinturas, vernices e protectores da madeira, e acordáramos aproveitar a posta a punta da Praia da Panadeira para probar algunhas das súas elaboracións.

Foi precisamente por iso que decidimos agardar uns meses para publicar esta terceira entrega, xa que queríamos poder valorar no so a aplicación dos produtos senón tamén as prestacións dos mesmos, tanto no momento inmediato como a nivel posterior (tras medio ano de exposición ao sol e o mar).

Os tres produtos que solicitamos (e que dende Barpimo nos ofreceron desinteresadamente) foron o Aceite de Teca, o Barpidecor Fondo (incoloro) e o Barpidecor Alta Protección (en cor pino).

O Aceite de Teca foi mesturado a partes iguais xunto co Barpidecor Fondo e aplicado en varias mans (catro ou cinco) nas zonas interiores da dorna. O obxectivo da mestura foi facilitar a absorción e dese xeito acadar unha recuperación e protección máis profunda, tan necesaria para unha madeira vella, que levaba bastantes anos sen recibir tratamento e que vai ser exposta ás inclemencias mariñas.

O Barpidecor Fondo (incoloro) tamén nos serviu como imprimación protectora para a obra morta, sendo aplicado en tres mans sobre toda a madeira nova dos costados e a cuberta.

E finalmente o Barpidecor Alta Protección (en cor pino) converteuse no lasur protector co cal quixemos dar unha nota de cor á embarcación, aplicándoo tamén neste caso en tres mans sobre toda a madeira nova da obra morta.

O resultado non podería ter sido mellor, tanto a nivel estético como de comportamento, xa que os tres produtos demostraron cumprir con creces as nosas expectativas: alta protección de madeira e unha sorprendente durabilidade (incluso fronte ao desgaste por roce).

So nos queda trasladar o noso sincero agradecemento a Barpimo pola colaboración desinteresada e unha mais que merecida felicitación polo calidade dos seus produtos. De feito, non vemos a hora de poder probar outras referencias. Dornas virán que o permitan!