Ás veces unha chamada de teléfono o muda todo e esta é unha desas historias inesperadas. O ano 2018 comezaba para a nosa asociación co enfoque posto en rematar a restauración da Surfeira e probablemente comezar a da Praia da Panadeira. Alén de manter as outras embarcacións e ocuparnos das xestións propias da asociación, como pode ser, entre outras, a actualización da páxina web. Pero nalgún momento do mes de febreiro recibimos unha proposta pouco habitual. Era unha solicitude de colaboración para participar no proxecto de remodelación que o Goberno Municipal de Pontevedra estaba a deseñar para o seu mercado de abastos. Resulta que o arquitecto que redactou o proxecto para converter o segundo andar do mercado nun espazo de experimentación gastronómica e cultural tivo a ocorrencia de apostar por recrear un ambiente de inspiración mariñeira, incluíndo a instalación de tres embarcacións tradicionais en suspensión como o elemento central da obra. Dito así, de golpe, nos pareceu unha loucura, pero co paso dos días fomos mudando de idea e un par de semanas despois estábamos traballando para facer realidade aquela idea extravagante. Iso si, autoimpoñéndonos dúas condicións: se íamos converter en decoración tres embarcacións tradicionais, terían que ser tres barcos de imposible recuperación para a navegación, e escollendo tres tipoloxías que nos permitisen contar unha historia coherente sobre a cultura do noso mar.
Foi así como atopamos un final digno á nosa dorna Milucha, que algúns anos antes recolléramos en Bueu pero que despois de moitos esforzos por estancala tivemos que desistir de ter no mar, asumiendo que a súa madeira xa non volvería navegar.
Coa primaveira e o bo tempo comezamos os traballos para devolverlle o aspecto que debería ter nos seus mellores anos. Así, unhas boas mans de pintura despois, a Milucha quedaba lista para a súa derradeira navegación.
Compre sinalar o papel fundamental que neste proxecto xogou a colaboración que nos presta Pinturas Proa, sen a cal nos tería sido imposible aceptar esta petición. E agardamos seguir contando cos seus materiais de calidade tamén para as nosas embarcacións destinadas á navegación. Que así sexa!
A inclusión dunha dorna era inevitable, tendo en conta que se trata de embarcación de pesca tradicional por excelencia nas rías de Arousa e Pontevedra. Pero xunto a ela, a chalana tamén debía estar presente, en representación das embarcacións menores dos portos interiores das rías.
Neste caso tivemos que andar á procura dela, pois por degraza as chalanas xa non son tan frecuentes nas nosas praias ou portos como si o eran ata hai ben poucos anos. Con todo, no propio Portonovo apareceu esta pequena chalana que levaba xa algúns anos en seco pero que estaba o suficientemente íntegra como para meterlle man e darlle unha segunda oportunidade.
Lixa vai, rodillo ven, e nuns días a chalana, que ata entón se chamara Lunares, por obvias razóns, quedaba lista para comezar unha nova vida co nome de Miniña.
E finamente chegou a hora de escoller unha terceira tipoloxía, coa que completar a exposición permanente. Algo nada doado, xa que máis alá de dornas e chalanas, non é tan frecuente atopar outras embarcacións. Pero afortunadamente quen ten amigos ten un tesouro e foi grazas a un deles que tivemos noticias dunha gamela coruxeira abandona na praia da Fontaíña. Así que alá fomos a recoller a Marola.
Naquela altura non estaba claro se a Marola iría destinada ao mercado ou aínda poderíamos voltar facela navegar, pero por desgraza despois de botarlle un ollo con calma tivemos que admitir o inevitable, e avanzar coa idea inicial.
O que si tivemos claro é que era preciso transformar o seu aspecto para que gañase a apariencia máis tradicional dunha gamela coruxeira, a base de combinación de cores, tal e como se pode ver nas praias de toda a ría de Vigo.
E unha vez que tivemos as tres embarcacións listas, tocou transportalas ao seu novo porto, ou moi perto del, que será o Mercado o de Pontevedra.
Xa no sitio, comezaba a segunda fase, menos artística pero igual de importante para que o resultado final fose o agardado: unha instalación que impactase visualmente e ao mesmo tempo servise para dignificar o patrimonio marítimo tradicional galego.
Ao final o que parecía que nos levaría un par de horas acabou sendo o traballo dun par de días intensos, xa que como podedes comprender non é doado pendurar tres embarcacións -coas súas grandes limitacións- a varios metros de altura e facelo coa presión de saber que logo camiñarán centos de persoas por debaixo.
Con todo, o resultado final foi espectacular e unha vez visualizado non podemos sentirnos máis que orgullosos por ter dedicado tantos esforzos para facer realidade a idea louca dun arquitecto.
Longa vida á Milucha, á Miniña e á Marola!