RETOMAMOS A SURFEIRA

Despois dun par de meses nos que non puidemos meterlle man á Surfeira por andar liados con outras actividades máis propias do verán, a semana pasada (e continuamos esta) por fin puidemos retomar os traballos na dorna. En realidade, de momento foron os carpinteiros os que están levando a cabo os traballos máis importantes. E a partir de semana que ven seremos nós, os socios, o que teñamos que dar o callo para rematar de rascar, lixar, limpar e deixala bonita, en definitiva.

A primeira das reparacións foi remendar as escarvas das táboas de cubrir de ambos costados, que estaban partidas. Para iso houbo que recurtar as partes deterioradas e remendar cun suplemento novo, que unha vez pintado non se diferenciará do resto da táboa.

1

2

3

4

Como vedes, optamos por atornillar en aceiro inoxidable naqueles puntos do casco onde hai algún madeiro que o permita, como nas cuadernas, para garantirnos que se manteña ben sellado por bastantes anos.

5

O seguinte paso foi tapar unha considerable vía de auga que tiña na obra viva. Para iso houbo que curtar unha sección de táboa bastante grande, que permitise atornillar con garantias o parche nas cuadernas e despois cubrir a vía e sellar.

6

7

Tamén houbo tempo para subirse á cuberta e comezar a arranxar a desfeita que había na fogonadura do pau. De momento limpando a zona para retirar as táboas partidas e meter unhas novas.

9

10

E ao mesmo tempo, os irmáns Garrido xa comezaron a recravar o casco. Como comentamos antes, decidimos optar por atornillar con inox nas cuadernas e remachar en cobre nas xuntas das táboas. Unha opción menos tradicional pero máis efectiva e duradeira, que é o que precisamos agora.

8

Finalmente, pouco a pouco, parece que a restauración vai indo adiante. Agardemos que non xurda ningún imprevisto e a partir da semana que ven poidamos centranos na Surfeira, que xa hai gañas de vela outra vez no mar!