Dende hai varios anos dende a Asociación de Amigos da Dorna de Portonovo estivemos promovendo un proxecto que viría a culminar as case dúas décadas do noso traballo de recuperación e conservación das embarcacións tradicionais galegas e que ao mesmo tempo sería altamente beneficioso para Portonovo: a creación dun museo flotante cos nosos barcos.

A idea é habilitar nun dos pantaláns do peirao “do Chasco” un espazo no que xuntar todas estas embarcacións históricas para ser expostas e que poidan ser visitadas e coñecer as súas características a través de diferentes paneis informativos, como o patrimonio que son, ao mesmo nivel que calquera hórreo, cruceiro ou igrexa.

Nas últimas semanas mantivemos varias reunións para conseguir os apoios necesarios ao proxecto. Primeiro foi o Goberno Municipal quen se manifestou a favor da idea, logo sumáronse a Confraría e o Club Náutico, e nos últimos días recibimos a aprobación por parte de Portos de Galicia para nos próximos meses facer realidade este soño que ten a aspiración de converterse nun verdadeiro atractivo cultural.
Dende a nosa asociación consideramos que Portonovo quere vivir do mar e dos recursos que este ofrece, tanto pesqueiros como turísticos. E nese sentido a cultura e as tradicións son un valor con grandes potencialidades.

Ademais diso, pretendemos levar adiante unha serie de actividades en torno ao “museo”, como visitas guiadas ás embarcacións en colaboración cos centros educativos de concello para que os nenos coñezan esta parte da nosa historia que xeralmente non se ensina nas aulas.
E, como sempre, continuaremos a manter vivas e a disposición de quen queira navegar nelas as dornas e outras embarcacións tradicionais que nós herdamos dos nosos antepasados e que queremos conservar con orgullo do que representan para as xeracións vindeiras.