O PANTALÁN NA PRENSA

Hai uns días o Diario de Pontevedra fíxose eco da nosa iniciativa para crear un museo flotante vivo en Portonovo, no cal xuntar algunhas das moitos tipoloxías de embarcacións tradicionais de Galicia, principalmente os diferentes tipos de dornas (polbeiras, de tope, xeiteira, nai…), pero non so.

20150714_223549

Preme aquí para visitar o enlace na prensa

Como vedes, seguimos traballando para conseguir o ansiado pantalán para embarcacións tradicionais en Portonovo. A verdade é que xa levamos máis de dous anos con esta teima pero agora comezamos a sentir o apoio dos veciños á nosa reivindicación e agardamos que aconteza o mesmo por parte do Concello e a Confradía.

Plano

Esquema aproximado de como nos gustaría organizar os amarres

UN MUSEO FLOTANTE VIVO

Recentemente ven de presentarse o borrador do anteproxecto da nova Lei do Patrimonio Cultural de Galicia e por primeira vez na nosa lexislación autonómica recóllense como bens patrimoniais “as embarcacións tradicionais do litoral e dos ríos de Galicia”. Tendo en conta isto, chegou o momento de que as diferentes administracións involucradas –Consellería do Mar, Portos de Galicia e os concellos– decidan se queren unirse á vangarda da defensa deste patrimonio, ata agora asumida case exclusivamente por asociacións sen ánmimo de lucro como a nosa, ou unha vez máis ir por detrás da sociedade.

1

Compre sinalar dende este momento que o patrimonio marítimo tradicional presenta unhas enormes e variadas potencialidades –incluso económicas–, ata agora pouco exploradas no noso país:

CARÁCTER TURÍSTICO: A través da promoción da cultura mariñeira tradicional como atractivo e valor engadido.

ASPECTO CULTURAL E EDUCATIVO: Difusión e posta en valor do patrimonio marítimo galego, favorecendo o seu coñecemento por parte da sociedade, en xeral, e das rapazas e rapaces, en particular.

COMPOÑENTE SOCIAL E DEPORTIVO: Especial importancia da dinamización social e xuvenil a través dunha práctica de ocio e deportiva como é a navegación a vela.

Así, tal e como sucede dende hai décadas noutros países europeos, en Galicia a concienciación social sobre esta realidade é cada vez maior e o crecente interese que esperta suxire que ten un gran potencial para ser aproveitada con fins turísticos e educativos, grazas ao seu atractivo vinculado á cultura, o ocio e a natureza, entre outros.

9

Dende a Asociación de Amigos da Dorna de Portonovo levamos 18 anos participando da recuperación, conservación e posta en valor deste patrimonio de xeito altruísta, pero chegados a este punto precisamos a colaboración das administracións, e especialmente do Concello de Sanxenxo, para consolidar a nosa labor.

A nosa única petición pasa por conseguir habilitar no porto de Portonovo unha zona de amarre reservada para embarcacións tradicionais, o cal axudaría non só a facilitar o noso traballo a prol da súa conservación, senón a mellorar a súa visibilización e a potenciar o seu aproveitamento con fins turísticos e educativos, en beneficio de toda a cidadanía.

A pretensión é converter o espazo nun museo vivo flotante, un punto de interese cultural que contribúa a ofrecer unha imaxe máis auténtica da historia de Portonovo e da vida, costumes e tradicións dos seus veciños, sobre todo no que á relación co mar e a pesca se refire. E somos conscientes de que unha infraestrutura como a que solicitamos constituiría un valor engadido para todo o concello de Sanxenxo.

O único que precisamos é que Portos de Galicia nos conceda unha autorización para ocupar os 10 primeiros metros do pantalán para embarcacións de sétima lista que ten no peirao do Chasco, coa idea de habilitar unha zona diferenciada ao inicio do mesmo reservada para embarcacións tradicionais, tal e como teñen en Combarro ou Bouzas (Vigo).

2

3  5

En realidade xa vimos utilizando dende hai anos este sector do pantalán, pero pouco a pouco outros usuarios, ante a falta de xestión e control por parte de Portos de Galicia e a complicidade da Confraría, fóronnos arrinconando ata case afogarnos.

6

7

Tendo en conta a situación de alegalidade na que se atopa esta infraestructura, que no seu día (ano 2003) foi instalada con cartos públicos para dar servizo aos xubilados de mar (criterio de uso completamente ilegal), a día de hoxe é preciso reorganizar os amarres, recoñecendo en primeiro lugar o dereito moral da Asociación de Amigos da Dorna de Portonovo a dispor dun espazo reservado para as súas embarcacións, que son patrimonio de tódolos veciños de Portonovo.

Plano

As nosas aspiracións pasan por dispor dunha autorización por escrito para a ocupación dos 10/12 primeiros metros do pantalán (que mide 39 en total) e que Portos de Galicia nos facilite 4/5 fingers para instalar e habilitar 8/10 prazas de amarre. A partir diso nós levaríamos a cabo unha limpeza do sector e melloraríamolo con paneis informativos sobre as diferentes tipoloxías de embarcacións tradicionais alí amarradas.

Agardamos que o cambio político no concello sirva para dar resposta a esta cuestión!

Cambio de ritmo

Cando a comezos deste ano souben que me tocaba continuar como presidente os próximos dous (2013-2014) tiven clara unha cousa: o cambio de ritmo. Non quero dicir que o feito ata agora teña sido pouco ou malo, todo o contrario, pero despois dalgún tempo na directiva precisaba aumentar a miña motivación para disfrutar realmente do cargo, que ao fin é o que fai que avancemos, así que me propuxen traballar por algo máis que manternos, é dicir, avanzar. Así, as novas direccións de traballo son tres: por un lado aumentar o número pero sobretodo a implicación dos socios, e non so para colaborar nos traballos, senón incluso para disfrutar das embarcacións. A idea nese sentido é promover os seus coñecementos para que gañen en autonomía de cara a navegar pola súa conta. A primeira iniciativa nesta dirección foi o curso de iniciación á navegación que Anxo impartiu o verán pasado aos rapaces. E teño a esperanza de que este ano repitan, e se pode ser aumente o número de participantes.

704881_4966636801677_1388310838_o

A segunda liña de traballo, como consecuencia do éxito da primeira, vai encamiñada a aumentar o número de embarcacións da asociación. Nese sentido, continuamos a xestionar a reconstrucción da Boca Juniors. Sei que xa debería estar rematada, pero as cousas non sempre saen como un pretende. Entón, o plan é agardar a que pase o verán e despois comezar a traballar nela (no caso da Directiva para conseguir o diñeiro necesario) con idea de tela definitivamente lista para a primaveira que ven. En todo caso, dos vós, os socios, depende o futuro da dorna de tope, ou ata que aspiremos a algo máis.

Finalmente, a terceira e non menos importante liña de traballo consiste en tentar conseguir un pantalán para embarcacións tradicionais en Portonovo. Esta, xunto co local, pode ser a clave para o crecemento da asociación nos próximos anos. Así, acabamos de presentar ao Presidente de Portos de Galicia unha solicitude ben documentada e avalada polo Concello de Sanxenxo e a Confraría de Pescadores de Portonovo. Como vedes, as aspiracións son elevadas, tanto que algúns pensaredes que peco de demasiado optimista, pero en iso consiste a miña labor como presidente. Seguiremos informando.

Plano 2

Plano 4

Adxuntamos planos coa ubicación, consensuada coa Confraría, proposta a Portos de Galicia.