Dende hai algúns meses temos avanzadas as xestións para crear unha mariña tradicional no peirao do Chasco. Nun dos pantaláns xa existentes queremos reunir dez diferentes embarcacións tradicionais para que veciños e visitantes poidan coñecer de primeira man as súas características, e incluso navegar nelas.
Para chegar a este punto tivemos que conseguir o apoio do goberno municipal, da confraría de pescadores e ata do club náutico, pero agora atopámonos agardando que Portos de Galicia realice unhas pequenas melloras na instalación, consistente na instalación de cinco fingers, para asinar a autorización.
Coa intención de ir avanzando (aínda que sexa por diante das administracións) e, de paso, reivindicar socialmente o proxecto, durante estes días estivemos levando a cabo traballos de limpeza e mantemento do pantalán.
O primeiro día, venres, comezamos por chorrear a madeira, tanto da pasarela como do primeiro módulo do pantalán, que é o que pretendemos xestionar.
A diferenza cunha simple limpeza é obvia. Pouco a pouco a madeira foi recuperando a súa cor natural e amosando o aspecto orixinal.
Algún “enxeñeiro” que pasou por alí botaba as mans á cabeza afirmando que a madeira ten un tratamento especial e que ao limpala ía apodrecer, pero o noso plan de traballo estaba claro, e o segundo día, sábado, había que deixala secar.
O resultado da limpeza do venres saltaba á vista, pero queríamos deixalo aínda mellor, así que o terceiro día, Xylazel!
Aproveitando a colaboración que a empresa galega Xylazel mantén con nós, decidimos aplicar un tratamento a base do seu lasur Xylazel Plus Mate en cor teca, que é ideal para este tipo de traballos, xa que protexe a madeira da humidade (é hidrófugo) e resiste ben a acción do sol (ten pigmentos especiales anti UV+).
Ademais de para coidar da nosa futura mariña tradicional, a limpeza resultou ideal para diferenciar o módulo que estamos solicitando do resto do pantalán.
O resultado final foi moi satisfactorio. Agora so falta que Portos de Galicia concrete a instalación dos cinco fingers e a revisión das flotacións.
E para rematar a faena, unha foto de familia e nota de prensa. Temos claro que o que defendemos é bo para Portonovo e por iso nos sentimos respaldados para continuar avanzando incluso por diante das administracións.
Mariña tradicional xa!